fotografia-de-jose-antonio

A morte sen descendencia de Carlos II en novembro de 1700, supuxo a fin da rama española dos Austria, desencadeando un conflito armado a escala europea (e mesmo mundial) para determinar a súa sucesión á Coroa. Estamos a falar da Guerra de Sucesión, que se estendeu entre 1701  a 1714, cando as tropas borbónicas tomaron Barcelona o día 11 de setembro (aínda que nos manuais ou nalgunhas páxinas atopedes a fin da contenda no ano 1713, cando se asina polas potencias enfrontadas o Tratado de Utrecht). Na lembranza desta data ten lugar todos os anos a Diada (tamén chamda Diada de l’Onze de Setembre ou Diada Nacional de Catalunya), a festa oficial, nacional, de Cataluña. Un festa que nos últimos anos tomou unha especial repercusión ao ser aproveitada polo movemento independentista catalán para visibilizar o peso social das súas reclamacións por unha independencia de Cataluña do resto de España.

Como vedes, entramos nun tema histórico conflitivo, ao verse afectado polas implicacións e interpretacións derivadas do debate político actual. Ten que ver algo a toma de Barcelona polas tropas borbónicas comandadas polo duque de Berwick en 1714 coas reclamacións actuais pola independencia de Cataluña ou polas demanda da existencia dun referendo solicitando esta independencia? Leva Cataluña enfrontada a España estes últimos 300 anos?

Volvamos a principios do século XVIII. A Guerra de Sucesión converteuse nunha gran guerra internacional onde se xogaba a supremacía en Europa, que era case como dicir mundial (así tivo consecuencias noutros continentes, como é o caso dos territorios franceses de Canadá, que pasaron a posesión británica). O triunfo do candidato da Francia borbónica, Filipe, supuxo a consolidación desta como a grande potencia continental do momento. Por outra banda, isto tamén marcou o declive de España como potencia e a súa supeditación ao viciño francés.

Por outra banda, a Guerra de Sucesión foi unha auténtica guerra civil, que se desenvolveu nos diferentes reinos hispánicos. A vitoria de Filipe V foi, na práctica, sustentada polo posicionamento maioritariamente favorable do reino de Castela, ao mesmo tempo que supuxo a derrota dos reinos de Aragón, especialmente de Cataluña, que  resistiu até o final, coas conseguintes represalias militares, como a destrución dunha parte de Barcelona, na actualidade recuperada museisticamente.

Os Decretos de Nova Planta (1707-1716), impostos polo novo rei borbón, supuxeron unha consagración do poder absoluto do monarca, unha nova organización centralista do Estado, impondo o modelo do reino de Castela, así como unha imposición do castelán coma única lingua para a administración. Seguiuse o modelo francés, impondo unha división provicial desde o punto de vista administrativo e de intendencias desde o punto de visto económico. Acabáse coas Cortes e Foros dos diversos reinos vixentes toda a Idade Moderna.

E que dicir de Galiza? Aquí a chegada de Filipe V non afectou á singularidade do noso reino, xa supeditado á coroa de Castela desde a época dos Reis Católicos. A Guerra de Sucesión si que tivo as súas consecuencias, onde a máis salientable e a debacle da armada hispano-francesa na coñecida coma Batalla de Rande (1703), que tan ben podemos ver en Meirande, no concello de Redondela. Supeditados e dependentes da coroa castelá, o reinado de Filipe V vai traer o desenvolvemento do Ferrol, ao ser elixido como un dos portos referentes da Mariña militar da Coroa.

E que terá que ver a imaxe da entrada con este capítulo? Que ten que ver o fútbol con isto do que estamos a falar? Acompáñanos nesta viaxe ao século XVIII:

  • Oe ou descarga o audio do episodio en spreaker:
  • Oe ou descarga o audio do episodio en ivoox.
  • Oe ou descarga o audio do episodio en iTunes.
  • Descarga directa do mp3

Ademais destas plataformas de podcast, quen o así o preferiren, poder ouvir este episodio a través de youtube.

https://www.youtube.com/watch?v=Q0bhMbExz6Q

CRÉDITOS do episodio:

Música da sintonía:

http://audionautix.com/ (The voyage, PennyWhistle, TriumphantReturn).
As músicas de Facemoshistoria:
Sebatián Durón: Ay de mi, que el llanto y la tristeza. Interpretación: Vivir para amar — Ein Leben für die Liebe. Accentus Austria. Leitung: Thomas Wimmer https://www.youtube.com/watch?v=twE9zNdsM9A

Domincio Scarcalatti: Aria (Sonata) K. 32:

Gaspar Sanz: obras variadas, intepretadas por Gérard Reyne:

Outros:

Clamor independista en Nou Camp, F.C. Barcelona – Real Madrid:

Advertisements